17/03/2010

Carlos Amado sobre o colectivooruga no Correo Galego

20.02.2010 Colectivo Oruga de Ponteareas, formación musical underground nacida ó amparo do electro rock independente, ultima nova gravación e xira

CARLOS AMADO

A verdade é que resulta moi gratificante o feito de comprobar que en terras galegas se están realizando importante traballos musicais criados nas novas linguaxes electrónicas de calidade. Dentro dunha corrente de música electro bailable e enerxético facturada con estrutura de canción protopunk sitúase a actitude altamente contemporánea de Colectivo Oruga. Unha formación que enlazou as súas ideas dentro dunha proposta tan fresca como gratificante, nunha actitude compartida con reputados creadores internacionais como The Rapture ou Simian Mobile Disco.

Os responsables son tres mozos e o seu obxectivo lúdico máis interesante é a capacidade que teñen, dende o seu Ponteareas fundacional, de acadar a perfilar unha nota de colorismo musical no panorama local. Iago Martínez e Alex Mera, dentro do combo, comparten a súa afección polas guitarras, polos sintes e polos tratamentos vocais dos temas. Alex fai tamén un pouco de portavoz do colectivo. O contrapunto visual está a cargo de Cuco Pino, que na súa interacción proxecta un rematado espectáculo visual e lumínico que fai do conxunto un imaxinario amplo e fortemente comunicativo, en concordancia coa dose de mobilidade groove que apontoan coa súa música.

Colectivo Oruga nace dun ovo que ten os seus primeiros síntomas larvarios no 2005. Xa asentados como eiruga colectiva, teñen tomas de contacto co medio e varias actuacións. No 2007, lanzan no hiperespazo a súa primeira gravación Ricos modernos, constituída por oito cortes altamente electrónicos. Tras un período pechados no seu capullo de protección creativa volven despuntar con forza no 2009 co seu celebrado single December"s descent. Agora todo agoira que o actual vai ser un ano de consolidación para un colectivo indómito nestes lares e así poderemos asistir o nacemento dunha bolboreta musical, froito das complicadas mutacións de seres como os lepidópteros.

Para comprobalo ten que ser en vivo e haberá que agardar ata o próximo 12 de Marzo que presentan en casa o novo disco, na ponteareense sala Nube Negra. O día seguinte tocarán no Fnac de A Coruña e será o sábado 19 que estarán en Vigo, tocando en La Iguana e aínda no coruñés Le Club o día seguinte.

Presentarán unha obra conceptual e rematada na que interveñen linguaxes musicais e visuais en liberdade na súa amplitude de miras estéticas, concretizadas no proxecto. Pero tamén teñen no seu haber obra de remesturas, de intervencións poéticas, de trillas sonoras. Por todo iso pode resultar unha experiencia moi gratificante poder velos en vivo nalgunha destas datas ou nas próximas que ultiman para poder ofrecer a súa música a un público máis amplo.

De momento existe no seu myspace un adianto de tres cancións do que será o seu segundo traballo grande e que agardan poder editar en pouco tempo, antes de iniciar esta serie de actuacións por Galicia e Portugal. Neste disco traballan en Quadra Producións, a súa independencia dende a que queren ofrecer a súa música a algún label con maior repercusión e acorde con eles e que se interese nun disco xa producido e nunha xira a piques de comezar. As tres cancións singles son moi premonitorias do que Colectivo Oruga está a cociñar para o seu segundo disco grande. Un menú previo que pode recordar tanto a Wire como a LCD soundsystem, nun son único e particular.

December"s descent é unha poderosa liña de baixo electro que confabula con silandeiras vocais cantadas en inglés. Música de baile envolvente e de gran enerxía electrificante. Unha homenaxe a un paradigma creativo xa clásico no panorama electro rock internacional pero pouco prodixiado entre os creadores locais.

Sunday´s knifes é un tema cortante nunha liña máis orientada o pop que o rock, malia que conserve a esencia electro nuclear coma un medio aberto o que aferrarse en obsesións rítmicas que resultan gratamente contaxiosas na súa esencia protopunk.

O terceiro corte é the Old Dance, unha homenaxe a vella escola de Kraftwek, Devo ou Pere Ubu estructurado en envolvencia techno e sabiamente aderezado con achados persoais a partir da melodías frías, marcadas polo son ferruxe da guitarra e reconciliante no seu evoluír pop.

Colectivo Oruga é unha formación que desfruta no escenario e sabe transmitilo, e este o mellor xeito de asistir a experiencia do seu milagre mutacional.

Aquí o enlace ao Correo Galego